Thursday 16 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño ultima as obras de ampliación do abastecemento e do saneamento ao núcleo de Rupiallo


O investimento, financiado polo POS+, supera os 40.000 euros

O departamento de Obras e Servizos do Concello de San Sadurniño ten en marcha nestes momentos as obras que permitirán levar auga pública e tamén a rede de saneamento ao lugar de Rupiallo. Os traballos, acollidos á presente anualidade do POS+, fóronlle adxudicados á construtora José No Mantiñán e Hijos, que esta mesma mañá conectaron os novos ramais ás conducións xerais, aínda que o servizo á zona non se iniciará ata dentro duns días. Ademais tamén será necesario volver pavimentar o firme que cumpriu erguer para instalar as infraestruturas soterradas. O investimento está cifrado en 40.418,84 euros, impostos incluídos, financiados con cargo á presente anualidade do POS+ da Deputación da Coruña.

O Concello prosegue deste modo coa ampliación dos servizos básicos de auga e saneamento nas zonas máis cercanas ao centro urbano aproveitando a proximidade da grande malla subterránea que abrangue Marqués de Figueroa, o Outeiro, o Casal, Cornide, as dúas Agras, parte de Silvalonga e Piñeiros.

“O aumento da rede estamos facéndoo de maneira radial partindo do núcleo principal e procurando atender as zonas que máis medraron en poboación, aínda que sen desatender o resto”, explica Secundino García. O alcalde engade que as ampliacións “teñen que ir facéndose de maneira simultánea coa mellora da antiga rede, sobre todo no caso da auga, renovando canalizacións antigas e, como fixemos recentemente, instalando un moderno sistema de sectorización que permita detectar fugas e garantir un uso da auga máis racional”.

Dentro do plan de extensión da subministración de auga potable e da recollida de fecais, o proxecto que está agora en marcha é o correspondente ao lugar do Rupiallo, na zona oeste de San Sadurniño.

A infraestrutura para a canalización da auga arranca na pista da Portela e vai conectada á condución existente medio quilómetro máis abaixo, na pista que conecta a Agra de Abaixo coa estrada de Pedroso, en Vilafiúnce.

Por outra banda, a tubaxe do novo saneamento segue un percorrido paralelo sobre unha distancia lixeiramente inferior e tamén se conecta no mesmo punto á rede xeral de fecais.

A empresa adxudicataria dos traballos, José No Mantiñán e Hijos, tivo onte e hoxe a maquinaria e o persoal ocupados en soterrar e conectar as tubaxes no enlace coa pista de Vilafiúnce, motivo polo que foi preciso interromper puntualmente a subministración da auga á zona da Agra de Abaixo.

O resto da infraestrutura está lista para entrar en servizo en calquera momento. Quedaría, polo tanto, o asfaltado do camiño polo que discorren as canalizacións. Son 530 metros de lonxitude aos que se lles botará unha nova capa asfáltica nos próximos días.